Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Lousame demandará a Unión Fenosa Distribución unha solución aos microcortes de subministro dos últimos días


 

Teresa Villaverde explica que “é unha situación que se produce dende hai tempo, pero estes días están a ser continuos. Supoñen moitas molestias e mesmo poden causar danos nos electrodomésticos”

O Concello de Lousame demandará a Unión Fenosa Distribución unha solución aos microcortes de subministro eléctrico que se están a producir en varios puntos do municipio durante os últimos días. “É unha situación que se produce dende hai tempo, pero estes días están a ser continuos”, explica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

Estes cortes de subministro non son duradeiros no tempo, senón que duran tan só uns segundos pero “supoñen moitas molestias e mesmo poden causar danos nos electrodomésticos”, apunta Villaverde Pais, quen exemplifica que “no caso concreto dos traballadores e traballadoras municipais, estes microcortes supoñen unha perda do traballo realizado, sobre todo cando falamos de subir documentación e expedientes ás distintas plataformas, e corremos tamén o risco de que os equipos informáticos poidan sufrir tamén algún dano”.

Unha situación especialmente sorprendente despois de que Unión Fenosa Distribución realizara “trabajos de mejora y mantenimiento en nuestra red de distribución” durante o pasado mes de xullo en todo o municipio, que supuxeron tamén significativas molestias para a veciñanza lousamiá en forma de interrupcións temporais do subministro eléctrico. Unhas actuacións que, sen embargo, non serviron para evitar a problemática dos microcortes de subministro, que se intensificaron durante esta última semana.